Documental de Alberto Lobelle sobre a Escola Aberta de Arte
O realizador Alberto Lobelle está a rodar o documental “A Arte da Vida” na escola. O seu equipo xa comezou a rodaxe, que coincide co inicio do curso. O seu documental seguirá o traballo dos nenos nas curtametraxes que desde hai sete anos vimos facendo na Escola Aberta de Arte.
A chegada á Escola por primeira vez dun grupo de nenos e os traballos que van conformando decorados, atrezzo e mesmo os guións das películas que nós rodamos serán o fío condutor que remata coa estrea das películas ao final do curso, no verán.
O equipo de rodaxe está a convivir cos alumnos da aula de Arte para Nenos. Mais os rapaces axiña ficaron afeitos a que cámaras e micrófonos estean no seu espazo. De feito a rodaxe do documental é parte da aprendizaxe dos nenos, que ven día a día como se fai unha película e deste xeito tamén se preparan para cando eles roden a súa propia producción, na que tamén serán protagonistas.
Este documental autoproducido polo realizador xa conta co interese firme de produtoras e mesmo da Televisión de Galicia para a súa emisión.


Deixa un comentario