Recomezamos

•Agosto 9, 2008 • Deixar un comentario

http://carmenmartin.com/proy/pea/2008/07/slides/0807_11.jpgOla, tras varios meses -moitos- de inactividade, recuperamos este blogue.

A Escola Aberta de Arte estáse movendo, transformándose, cando xa estamos preto dos dez anos de vida, de traballo en prol da Arte nesta a nosa deprimida cidade.

Estamos a impartir novamente un curso no CAMF de Ferrol, e temos en proxecto varios cursos, en diversos centros e actividades.

Andamos a preparar a edición do X aniversario da Escola da actividade “O Oficio do Pintor”.

Pero sobre todo, a transformación definitiva da natureza da Escola: de ser principalmente unha escola de arte, pasará a ser o Estudio de pintura dos seus fundadores: Carmen Martín e quen escribe, Anxo Varela.

Para posibilitar isto, estamos a buscar un novo local, máis axeitado á nova configuración da escola: galería de arte con exposicións, estudio de pintura e por suposto aulas de arte.

Na nova sé haberá máis espazo adicado a expor as últimas obras de Carmen e Anxo, e sobre todo poderase ver, mes a mes, o avance na Pintura en Acción de Carmen Martín.

Revista de Cómics da Escola

•Xaneiro 22, 2008 • Deixar un comentario

Nos próximos meses a Escola Aberta de Arte vai preparar unha revista con cómics dos alumnos.

A idea xurdiu para dar saída ás inquedanzas creativas dalgúns alumnos que teñen no cómic -máis específicamente o cómic manga- como paixón.

Nesta revista poderán participar todos os alumnos da Escola que queiran.

A medida que vaiamos traballando neste proxecto iremos publicando os avances.

Aulas no Museo da Natureza

•Novembro 9, 2007 • Deixar un comentario

Pintando no Museo da Natureza (2)Pintando no Museo da NaturezaEsta semana os nosos alumnos de pintura deron a clase no Museo da Natureza. Gostoulles tanto aquelo que imos volver o próximo xoves pola mañá.

Os nenos dos grupos do Venres de 4 a 6, e os do sábado de 11 a 1 tamén irán alí a pintar esta semana.

Carmen pintando no Museo da NaturezaEn realidade a idea partiu de Carmen, que quería facer outro cadro máis para unir aos da exposición do Zucre, que tamén foran pintados alí na xornada reivindicativa do pasado 23 de Outubro.

Lembrade que hoxe Carmen inaugura tamén a exposición dos pés (“PIES”) na Escola de Enfermería e Podoloxía, ás 7,30 da tarde.

Documental de Alberto Lobelle sobre a Escola Aberta de Arte

•Outubro 22, 2007 • Deixar un comentario

foto rodaxe docum 1O realizador Alberto Lobelle está a rodar o documental “A Arte da Vida” na escola. O seu equipo xa comezou a rodaxe, que coincide co inicio do curso. O seu documental seguirá o traballo dos nenos nas curtametraxes que desde hai sete anos vimos facendo na Escola Aberta de Arte.

A chegada á Escola por primeira vez dun grupo de nenos e os traballos que van conformando decorados, atrezzo e mesmo os guións das películas que nós rodamos serán o fío condutor que remata coa estrea das películas ao final do curso, no verán.

foto rodaxe docum 2O equipo de rodaxe está a convivir cos alumnos da aula de Arte para Nenos. Mais os rapaces axiña ficaron afeitos a que cámaras e micrófonos estean no seu espazo. De feito a rodaxe do documental é parte da aprendizaxe dos nenos, que ven día a día como se fai unha película e deste xeito tamén se preparan para cando eles roden a súa propia producción, na que tamén serán protagonistas.

Este documental autoproducido polo realizador xa conta co interese firme de produtoras e mesmo da Televisión de Galicia para a súa emisión.

TVG desde a clase dos nenos

•Outubro 22, 2007 • Deixar un comentario

Na clase de arte para nenos deste venres día 26 de Outubro vai vir un equipo da TVG para gravar unha entrevista que será emitida no programa “Revista Fin de Semana” entre os días 3 e 4 de Novembro.

O equipo filmará a clase de arte para nenos que imparte Pilar Freire na Escola Aberta de Arte, e na que esta semana entre outras cousas comezarán a falar da rodaxe da película deste curso 2007-2008.

Banner para apoiar ao Museo da Natureza

•Outubro 22, 2007 • Deixar un comentario

Temos preparado este banner para apoiar ao Museo da Natureza. Colócao no teu blogue ou web en apoio á xente da SGHN, delegación Ferrol:
Campaña de apoio ao Museo da Natureza en Ferrol
Se queres incluílo só precisas copiar este código:

<a href=”http://sghnferrol.blogspot.com/”><img src=”http://www.escolaaberta.com/descarga/promuseonatureza.gif” alt=”Campaña de apoio ao Museo da Natureza en Ferrol” /></a>

Escola Aberta de Arte en apoio do Museo da Natureza

•Outubro 22, 2007 • Deixar un comentario

Este blogue noviño do paquete súmase á campaña en prol do Museo da Natureza. A nosa escola apoia á SGHN na súa loita para que a Casa do Coronel sexa a sé permanente do Museo da Natureza, e que non teña que saír de Ferrol.

Pensamos que dá vergoña ter que oír as pobres escusas que o noso alcalde ¿socialista? pon para quitarlle ao Museo o local prometido hai anos e darllo ao Corte Inglés. Parécenos unha xogada cutre e rastreira, que non ten modo de se xustificar. Suponse que o Concello ten que gobernar polo ben común, de xeito que prima o interese de contar cun Museo como o que leva anos facendo a SGHN frente a un centro comercial máis.

O Sánchez Aguilera é grande dabondo para facer o museo, o Corte Inglés ao lado e máis unha piscina olímpica se queren. Mais, sobre todo, aínda que o Corte Inglés sexa interesante para Ferrol, non ten por que constrúirse en terreos públicos.

Pensamos que xa chega de perder cousas en Ferrol, a ver se os nosos políticos espertan. Non pedimos xa traer cousas novas, pero polo menos que saiban manter o que xa hai.

8 aniversario(s)

•Outubro 17, 2007 • Deixar un comentario

O vindeiro venres, día 19 de Outubro cumpre a escola 8 anos. Os actos da celebración consistirán neste ano nunha festa cos nenos esta semana nas clases e unha cea cos alunos a noite do venres -no Ramil, ás 9 da noite- na que tentaremos non emocionarnos de máis.

Carmen e mais eu sentímonos orgullosos da calidade humana dos nosos alunos, xa máis ben amigos, e felices de poder estar aquí despois de oito anos, que para calquera establecimento en Ferrol é case un milagre, e máis para unha escola de Arte.

Os vosos ánimos fan que a nosa tarefa sexa moito máis agradábel. Fan que dea gosto traballar nesta cidade.

Grazas.

Novo curso

•Outubro 17, 2007 • 2 Comentarios

Outro curso máis, o oitavo desde que comezamos alá polo 1999, xa no século pasado. Desta vez non faremos concerto de San Lucas, pero si unha cea cos nosos, cos alunos e amigos novos e vellos…

En oito anos fixemos moitas cousas, e a Escola evolucionou todo este tempo para ir adaptándose á realidade, ao contorno que nos tocou.

Vista da EscolaMoitas lembranzas, algunhas desagradábeis, pero case todas felices. Oito cursos, durante os cais non só formamos alunos: nenos por unha banda, e por outra adultos, nas clases de debuxo, pintura, fotografía, gravado, historia da arte, cine de animación, historia do cine… senón que tamén nós aprendimos moito e crecimos con eles. Oito anos nos que algúns dos nosos nenos do comezo xa están estudando Belas Artes, nos que algúns alumnos viven xa fóra da nosa cidade. Pero nos que quedou unha marca tanto neles como en nós, e cando contactamos é motivo de alegría.

Pero non só lembranzas. Proxectos para este ano que xa están en marcha, nos que estamos volcados. A escola pasou de ser unha academia con tenda e estudo de pintura a ser un estudo de pintura con galería e academia, xusto o contrario. Pero o espírito inicial sigue intacto. Os cadros de Carmen enchen agora a meirande parte do espazo. Unha nova distribución das aulas máis cómoda acolle aos nosos alumnos, e temos varias actividades externas: cursos na universidade, no CAMF, a rodaxe de dúas produccións propias no curso, os monográficos… e a realización dun documental sobre a nosa escola por parte de Alberto Lobelle, que logo será emitido na TVG.

E para rematar, estreamos nova web -a antiga seguirá dispoñíbel mentres non rematemos as obras- e este blogue onde iremos contando as nosas novas.