Herdanza

•Setembro 21, 2010 • 2 Comentarios

A Escola Aberta de Arte xa non existe. Pero como dixemos, non todo desapareceu.

https://escolaaberta.files.wordpress.com/2010/09/p310810_19-380003-sel.jpg?w=225A parte da Galería de Arte consérvase, en Ferrol, na Casa dos Cadros.

https://i2.wp.com/4.bp.blogspot.com/_OZB6zqEi8cc/TKcBTfJ7ZOI/AAAAAAAAHLA/c2gUMAID74w/s1600/IMG_7258.JPGAs aulas de debuxo e pintura comezan unha nova etapa en Málaga, onde Carmen e Anxo residirán a partir de agora. A nova andaina terá o nome de Pinta Málaga.

En calquera dos dous casos, ademáis de seguer o enlace correspondente, podedes falar directamente con Carmen e Anxo nos seus respetivos teléfonos, o 657033782 e o 6665491386

Advertisements

Despedida?

•Setembro 20, 2010 • 1 comentario

Levamos 12 anos en Ferrol, durante os que Escola Aberta de Arte pasou de ser unha mera idea na nosa cabeza a un centro de ensino das artes único no seu xénero.

Durante este tempo tivemos matriculados case 2000 alunos dos cais algúns comezaron de nenos nos cursos de arte infantís e hoxe son licenciados en Belas Artes ou titulados en ilustración, interiorismo, fotografía…

Pola nosa escola pasaron mestres como Pilar Freire, Kiko Delgado, Álvaro de la Vega, Eduardo Hermida, González Collado, María Manuela Díaz, Chus García, Juan Pablo Etcheverry, e moitos máis…

Nestes anos celebramos puntualmente actividades como O Oficio do Pintor, nas que pintores de toda Galicia e parte do resto do estado amosaron en directo a súa arte en marabillosas xornadas de portas abertas: Patinha, María Manuela, Carmen Martín, García Patiño, Siro, Mariano Casas, Pipo Romero, Suso Basterrechea, Víctor Saavedra, Mónica de Juan, Isabel Rey, Dulce Anca, Antonio Janeiro, Anxo Varela, Leandro, Alfonso Costa…

Tamén organizamos conferencias, exposicións abraiantes como Arte&Café, concertos con motivo da Festa de San Lucas, patrón antigo dos pintores, nos que actuaron grupos como Sexfolia (folk), Música Doméstica, Malandança, Capela Compostelana (música antiga)…

Entre as actividades que temos feitas cos alumnos destaca a estrea anual de curtametraxes rodadas con nenos ou adultos, que deu como resultado unhas vinte obras do máis enxebre cine escolar, e que sempre estreamos con cheo total e grande éxito de público.

Nos últimos tempos a Escola convertiuse pouco a pouco nun lugar encantado, que albergaba o estudo e a meirande parte da obra pictórica dos seus fundadores, Carmen Martín e Anxo Varela. Pero na configuración deste espazo único sobre todo é a impresionante obra pictórica de Carmen Martín, tanto cualitativa como cuantitativamente. Obra en grande parte feita durante o seu ambicioso proxecto “Pintura en Acción”, desenvolvido  desde hai tres anos ao longo da xeografía galega e española, e da que a Escola Aberta foi a súa sé natural.

O último proxecto pretendía transformar a Escola Aberta no Estudo Aberto de Arte, un lugar no que os cadros de Carmen (e en menor medida tamén os de Anxo) expostos ao longo do local, fosen o eixo vertebrador dunha nova escola dirixida máis aos adultos, na que as aulas sairían ao exterior sempre que o tempo o permitira. Este novo proxecto figuraba nos últimos calendarios nosos -tan solicitados sempre- e tiña como enclave un local da rúa Real na zona de Herrera/Parador de Turismo. O roubo da instalación eléctrica recén rematada puxo bruscamente fin a este soño.

Mais o roubo só foi un paso máis. Unha longa agonía nestes últimos dous anos, que tentábamos conxurar co novo local da rúa Real, foi acabando coa escola dos primeiros tempos. Primeiro o Concello mantivo a nosa mazá aillada da cidade durante uns longos e incomprensíveis oito meses. Logo a fatalidade converteu o soto da Escola (onde estaba o laboratorio de Fotografía ou as aulas de apoio e o almacén de cadros) nunha esterqueira mercede ás inundacións que as obras de “mellora” do Concello proporcionaron amabelmente a tantos baixos da zona. A crise económica, lenta pero imparábel, fixo disminuir as nosas matrículas a unha décima parte do número orixinal. Só a pintura de Carmen Martín mantivo viva a escola máis alá do razoábel.

Agora, a Escola Aberta de Arte desaparece do mapa ferrolá, tras doce anos dos cais a meirande parte foron inesquecíbeis tanto para nós como para os nosos alumnos. Carmen e mais eu marchamos a Andalucía, a Málaga, onde iniciaremos unha nova etapa que a día de hoxe resulta moito máis difícil no noso benquerido Ferrol.

Mais, dalgún xeito, todos os nosos proxectos, a historia da Escola Aberta de Arte, non desaparecen de todo.

En Málaga comezará axiña a súa andaina “PINTA MÁLAGA”, un taller ao aire libre impartido por Carmen Martín e Anxo Varela no que os alumnos poderán aproveitar os máis de trescentos días de sol cos que conta esta bela capital do Sur.

Pero en Ferrol non só ficará o recordo. Co peche definitivo da Escola Aberta de Arte ábrese tamén A Casa dos Cadros*, unha alucinante galería de arte no centro de Ferrol, instalada nun vello piso da máis enxebre arquitectura ferrolá do cambio entre os séculos XIX e XX, que contén os cadros de Carmen Martín e Anxo Varela, e que pouco a pouco están a encher as paredes do fermoso piso.

A arte, como enerxía que é, non desaparece, só se transforma.

(*)Para visitar “A Casa dos Cadros” ou saber máis do noso programa de suscripción á Galería (que permite mercar os cadros a metade de prezo) podedes chamarnos ao 665491386 e concertar unha visita.

Por uns quilos de cobre

•Xuño 9, 2010 • Deixar un comentario

Hai cousas que desaniman a calquera.

Levamos case un ano preparando o local novo para Estudo Aberto de Arte, coas penurias que iso supón cando o orzamento é escaso. Traballamos arreo alí. Agora por fin tiñamos xa case terminada a instalación eléctrica, co que en poucas semanas poderiamos ir levando xa as caixas cos libros, o material, os cadros e demais do local vello. Estabamos máis ou menos ilusionados de novo co local de novo.

Pois ben. Entráronnos e roubaron o cable, causando uns estragos que non sei cando nin como poderemos reparar, porque o seguro non pode facerse cargo. Así, por riba, calculo uns 2000 euros, mínimo. E engádese todo o deprimente que resulta volver facer o que xa fixeramos con tanto esforzo. O curioso é que os fillos de puta que entraron, rebentando unha porta, apenas sacarán 30 ou 40 euros entre o cable e a ferramenta que nos roubaron.

Novo grupo de Pintura

•Marzo 4, 2010 • 1 comentario

Esta semana comezou un novo grupo de Pintura: o grupo de tarde. O seu horario é de 6 a 8 da tarde, os luns e mércores.

Hai tempo que non tiñamos un grupo de tarde, e o certo é que nos foi moi solicitado, polo que por fin o abrimos.

Agora dispomos de cinco horarios diferentes de aulas de pintura para poder asistir. Lembrade que é posíbel combinar os horarios segundo as necesidades.

ESTUDO ABERTO DE ARTE

•Xaneiro 16, 2010 • Deixar un comentario

Aínda non rematamos a reforma do local novo, polo que seguimos neste mes de xaneiro na rúa do Sol. Mais xa comezamos a traballar como Estudo Aberto de Arte.

Aínda que pareza o mesmo, a nova empresa ten unha orientación diferente. Agora somos un estudo de artista, no que haberá unha galería para exposicións e unha serie de servizos asociados, entre eles as actuais aulas de pintura e demais ensino, e a tenda de materiais, os encargos…

Estamos preparando a nova web, pero xa podemos adiantarvos dúas ofertas moi interesantes ás que podedes xa engancharvos mesmo aínda que non estea completado o traslado:

  1. Suscripcións á Galería de Arte/Mecenato
    Unha maneira de mercar pintura e apoiar aos artistas obtendo importantes vantaxes económicas, desde só 10 € por mes. Catro modalidades de suscripción que levan os nomes de destacados mecenas da Historia: Adriano, Medici, Stein e Guggenheim con vantaxes como: adquisición de pinturas polo valor duplo ou triple -según modalidade- do invertido no ano. Descontos até o 25% sobre prezo de tarifa nas pinturas e obra gráfica mercadas na Galería. Agasallos artísticos exclusivos na data elexida (Nadal, cumpreanos, aniversario…). Descontos nas aulas da Escola de arte. Preferencia na reserva de obra sobre os non suscriptores.
  2. Programa de Amizade da Escola
    Por cada amigo ou amiga que veña á Escola de Arte por ti obterás un desconto de 2 € na cota mensual das túas clases e o teu amigo ou amiga aforrará os cartos da matrícula (10 €). Até un máximo de 40 € de desconto por alumno. Acumulábel co desconto por familiares (20%) ou por suscripción/mecenato (ata 10%).

Adicionalmente, os que adopten o programa de mecenato ou amizade antes do traslado definitivo á Rúa Real aforrarán a mensualidade de Decembro de 2010.

Calendario 2010 e novo nome para a Escola

•Decembro 1, 2009 • Deixar un comentario

Presentámosvos aquí o calendario que dentro duns días comezaremos a repartir. Inclúe o novo enderezo -aínda que non temos unha data definitiva para o traslado aínda- no que estaremos o máis axiña posíbel. Tamén reflexa o novo logotipo e o novo nome deste lugar: “ESTUDO ABERTO DE ARTE”.

Agardamos as vosas opinións.

Aberto o prazo de preinscrición para os obradoiros da Área de Cultura de Ferrol (1.º cuadrimestre do curso 2009/2010)

•Outubro 6, 2009 • 1 comentario

Hoxe chegounos esta nota da Extensión Cultural da Universidade da Coruña. Xa temos datos concretos de como facer a inscripción nos cursos da UDC (Campus de Ferrol):

Xa está aberto o prazo para realizar a preinscrición nos obradoiros que organiza a Área de Cultura do campus de Ferrol no primeiro cuadrimestre do curso 2009-2010.

Obradoiros:

  • Fotografía. Niveis Iniciación e Avanzado. Profesora: Rocío Brage Varela. Fotógrafa. Nivel Iniciación: martes, de 16.30 a 18.30 horas. Nivel Avanzado: martes, de 18.30 a 20.30 horas.
  • Saber ver a arte. Profesor: Miguel Anxo Varela. Pintor e codirector da Escola Aberta de Arte. Mércores, de 17 a 19 horas.
  • Invitación á filosofía ou como aplicar a análise crítica á vida cotiá. Profesora: Rebeca Roca Fraga. Licenciada en Filosofía. Xoves, de 17 a 20 horas.
  • Animación con “Stop Motion” (técnica de animación a través da captura de fotografías). Profesor: Roberto Casteleiro e Diego Lamas. Sábados, de 10.30 a 14.30 horas.
  • Audicións comentadas de rock. Profesor: Tomás Legido. Xestor cultural e representante musical. Mércores, de 19 a 20.30 horas.
  • Artesanía en coiro: “O coiro nas mans”. Profesora: Gema Pita. Artesá e profesora. Luns, de 17 a 19 horas.
  • A cultura científica. Desmontando os tópicos da divulgación científica. Profesora: Deborah García Bello. Licenciada en Química e escritora. Mércores, de 10.30 a 12.30 horas.

Datas:

Todos os obradoiros teñen como data prevista de comezo a última semana de outubro -caso de acadar o número mínimo de preinscritos- e desenvolveranse durante o primeiro cuadrimestre deste curso até febreiro do 2010.

Duración: 30 horas.

Matrícula: 35 euros membros da comunidade universitaria/ 45 persoas alleas.

Todos os obradoiros teñen créditos de libre elección.

Lugar de realización: campus de Esteiro.

A Oficina da Área de Cultura porase en contacto cos estudantes preinscritos para formalizar a matrícula, para o cal deberán recoller as follas de ingreso e entregar o exemplar azul (“exemplar para o centro”) despois do ingreso da cota no banco ou caixa.

Máis información: Oficina da Área de Cultura-Ferrol. Edificio de Apoio ao Estudo, 1.º andar. Campus de Esteiro. Ferrol. Tlf. 981 167 000. Ext. 3697. Correo electrónico: cultura.ferrol@udc.es  e na paxina web www.udc.es/cultura.