Despedida?

Levamos 12 anos en Ferrol, durante os que Escola Aberta de Arte pasou de ser unha mera idea na nosa cabeza a un centro de ensino das artes único no seu xénero.

Durante este tempo tivemos matriculados case 2000 alunos dos cais algúns comezaron de nenos nos cursos de arte infantís e hoxe son licenciados en Belas Artes ou titulados en ilustración, interiorismo, fotografía…

Pola nosa escola pasaron mestres como Pilar Freire, Kiko Delgado, Álvaro de la Vega, Eduardo Hermida, González Collado, María Manuela Díaz, Chus García, Juan Pablo Etcheverry, e moitos máis…

Nestes anos celebramos puntualmente actividades como O Oficio do Pintor, nas que pintores de toda Galicia e parte do resto do estado amosaron en directo a súa arte en marabillosas xornadas de portas abertas: Patinha, María Manuela, Carmen Martín, García Patiño, Siro, Mariano Casas, Pipo Romero, Suso Basterrechea, Víctor Saavedra, Mónica de Juan, Isabel Rey, Dulce Anca, Antonio Janeiro, Anxo Varela, Leandro, Alfonso Costa…

Tamén organizamos conferencias, exposicións abraiantes como Arte&Café, concertos con motivo da Festa de San Lucas, patrón antigo dos pintores, nos que actuaron grupos como Sexfolia (folk), Música Doméstica, Malandança, Capela Compostelana (música antiga)…

Entre as actividades que temos feitas cos alumnos destaca a estrea anual de curtametraxes rodadas con nenos ou adultos, que deu como resultado unhas vinte obras do máis enxebre cine escolar, e que sempre estreamos con cheo total e grande éxito de público.

Nos últimos tempos a Escola convertiuse pouco a pouco nun lugar encantado, que albergaba o estudo e a meirande parte da obra pictórica dos seus fundadores, Carmen Martín e Anxo Varela. Pero na configuración deste espazo único sobre todo é a impresionante obra pictórica de Carmen Martín, tanto cualitativa como cuantitativamente. Obra en grande parte feita durante o seu ambicioso proxecto “Pintura en Acción”, desenvolvido  desde hai tres anos ao longo da xeografía galega e española, e da que a Escola Aberta foi a súa sé natural.

O último proxecto pretendía transformar a Escola Aberta no Estudo Aberto de Arte, un lugar no que os cadros de Carmen (e en menor medida tamén os de Anxo) expostos ao longo do local, fosen o eixo vertebrador dunha nova escola dirixida máis aos adultos, na que as aulas sairían ao exterior sempre que o tempo o permitira. Este novo proxecto figuraba nos últimos calendarios nosos -tan solicitados sempre- e tiña como enclave un local da rúa Real na zona de Herrera/Parador de Turismo. O roubo da instalación eléctrica recén rematada puxo bruscamente fin a este soño.

Mais o roubo só foi un paso máis. Unha longa agonía nestes últimos dous anos, que tentábamos conxurar co novo local da rúa Real, foi acabando coa escola dos primeiros tempos. Primeiro o Concello mantivo a nosa mazá aillada da cidade durante uns longos e incomprensíveis oito meses. Logo a fatalidade converteu o soto da Escola (onde estaba o laboratorio de Fotografía ou as aulas de apoio e o almacén de cadros) nunha esterqueira mercede ás inundacións que as obras de “mellora” do Concello proporcionaron amabelmente a tantos baixos da zona. A crise económica, lenta pero imparábel, fixo disminuir as nosas matrículas a unha décima parte do número orixinal. Só a pintura de Carmen Martín mantivo viva a escola máis alá do razoábel.

Agora, a Escola Aberta de Arte desaparece do mapa ferrolá, tras doce anos dos cais a meirande parte foron inesquecíbeis tanto para nós como para os nosos alumnos. Carmen e mais eu marchamos a Andalucía, a Málaga, onde iniciaremos unha nova etapa que a día de hoxe resulta moito máis difícil no noso benquerido Ferrol.

Mais, dalgún xeito, todos os nosos proxectos, a historia da Escola Aberta de Arte, non desaparecen de todo.

En Málaga comezará axiña a súa andaina “PINTA MÁLAGA”, un taller ao aire libre impartido por Carmen Martín e Anxo Varela no que os alumnos poderán aproveitar os máis de trescentos días de sol cos que conta esta bela capital do Sur.

Pero en Ferrol non só ficará o recordo. Co peche definitivo da Escola Aberta de Arte ábrese tamén A Casa dos Cadros*, unha alucinante galería de arte no centro de Ferrol, instalada nun vello piso da máis enxebre arquitectura ferrolá do cambio entre os séculos XIX e XX, que contén os cadros de Carmen Martín e Anxo Varela, e que pouco a pouco están a encher as paredes do fermoso piso.

A arte, como enerxía que é, non desaparece, só se transforma.

(*)Para visitar “A Casa dos Cadros” ou saber máis do noso programa de suscripción á Galería (que permite mercar os cadros a metade de prezo) podedes chamarnos ao 665491386 e concertar unha visita.

Advertisement

~ por anxova o Setembro 20, 2010.

Unha resposta to “Despedida?”

  1. O tempo halle devolver o xeito aos políticos do concello, non pode esmorecer unha cidade tanto tempo sen que a xente se rebele. Mentres e sempre, facede que o mundo cambie pra mellor, pintade, creade, saíde á luz enfeitizante pra pintar a vida, dade de qué falar, sodes fortes e valentes e o principal: sodes boas persoas, sodes artistas e levades a creatividade por bandeira. Aí vos mando o meu cariño e os meus azos. Bicos mil, quérovos.
    Xurxo

Deixar unha resposta

introduce os teu datos ou preme nunha das iconas:

Logotipo de WordPress.com

Estás a comentar desde a túa conta de WordPress.com. Sair /  Cambiar )

Facebook photo

Estás a comentar desde a túa conta de Facebook. Sair /  Cambiar )

Conectando a %s

 
A %d blogueros les gusta esto: