Banner para apoiar ao Museo da Natureza

•Outubro 22, 2007 • Deixar un comentario

Temos preparado este banner para apoiar ao Museo da Natureza. Colócao no teu blogue ou web en apoio á xente da SGHN, delegación Ferrol:
Campaña de apoio ao Museo da Natureza en Ferrol
Se queres incluílo só precisas copiar este código:

<a href=”http://sghnferrol.blogspot.com/”><img src=”http://www.escolaaberta.com/descarga/promuseonatureza.gif&#8221; alt=”Campaña de apoio ao Museo da Natureza en Ferrol” /></a>

Escola Aberta de Arte en apoio do Museo da Natureza

•Outubro 22, 2007 • Deixar un comentario

Este blogue noviño do paquete súmase á campaña en prol do Museo da Natureza. A nosa escola apoia á SGHN na súa loita para que a Casa do Coronel sexa a sé permanente do Museo da Natureza, e que non teña que saír de Ferrol.

Pensamos que dá vergoña ter que oír as pobres escusas que o noso alcalde ¿socialista? pon para quitarlle ao Museo o local prometido hai anos e darllo ao Corte Inglés. Parécenos unha xogada cutre e rastreira, que non ten modo de se xustificar. Suponse que o Concello ten que gobernar polo ben común, de xeito que prima o interese de contar cun Museo como o que leva anos facendo a SGHN frente a un centro comercial máis.

O Sánchez Aguilera é grande dabondo para facer o museo, o Corte Inglés ao lado e máis unha piscina olímpica se queren. Mais, sobre todo, aínda que o Corte Inglés sexa interesante para Ferrol, non ten por que constrúirse en terreos públicos.

Pensamos que xa chega de perder cousas en Ferrol, a ver se os nosos políticos espertan. Non pedimos xa traer cousas novas, pero polo menos que saiban manter o que xa hai.

8 aniversario(s)

•Outubro 17, 2007 • Deixar un comentario

O vindeiro venres, día 19 de Outubro cumpre a escola 8 anos. Os actos da celebración consistirán neste ano nunha festa cos nenos esta semana nas clases e unha cea cos alunos a noite do venres -no Ramil, ás 9 da noite- na que tentaremos non emocionarnos de máis.

Carmen e mais eu sentímonos orgullosos da calidade humana dos nosos alunos, xa máis ben amigos, e felices de poder estar aquí despois de oito anos, que para calquera establecimento en Ferrol é case un milagre, e máis para unha escola de Arte.

Os vosos ánimos fan que a nosa tarefa sexa moito máis agradábel. Fan que dea gosto traballar nesta cidade.

Grazas.

Novo curso

•Outubro 17, 2007 • 2 Comentarios

Outro curso máis, o oitavo desde que comezamos alá polo 1999, xa no século pasado. Desta vez non faremos concerto de San Lucas, pero si unha cea cos nosos, cos alunos e amigos novos e vellos…

En oito anos fixemos moitas cousas, e a Escola evolucionou todo este tempo para ir adaptándose á realidade, ao contorno que nos tocou.

Vista da EscolaMoitas lembranzas, algunhas desagradábeis, pero case todas felices. Oito cursos, durante os cais non só formamos alunos: nenos por unha banda, e por outra adultos, nas clases de debuxo, pintura, fotografía, gravado, historia da arte, cine de animación, historia do cine… senón que tamén nós aprendimos moito e crecimos con eles. Oito anos nos que algúns dos nosos nenos do comezo xa están estudando Belas Artes, nos que algúns alumnos viven xa fóra da nosa cidade. Pero nos que quedou unha marca tanto neles como en nós, e cando contactamos é motivo de alegría.

Pero non só lembranzas. Proxectos para este ano que xa están en marcha, nos que estamos volcados. A escola pasou de ser unha academia con tenda e estudo de pintura a ser un estudo de pintura con galería e academia, xusto o contrario. Pero o espírito inicial sigue intacto. Os cadros de Carmen enchen agora a meirande parte do espazo. Unha nova distribución das aulas máis cómoda acolle aos nosos alumnos, e temos varias actividades externas: cursos na universidade, no CAMF, a rodaxe de dúas produccións propias no curso, os monográficos… e a realización dun documental sobre a nosa escola por parte de Alberto Lobelle, que logo será emitido na TVG.

E para rematar, estreamos nova web -a antiga seguirá dispoñíbel mentres non rematemos as obras- e este blogue onde iremos contando as nosas novas.